. A xente que reside en Ou Val, Castro e o polígono de Río do Pozo convive a diario con algo que vai máis aló dunha molestia, trátase dunha invasión de moscas que converte a súa rutina nun pesadelo.

Teitos cubertos, chans negros, aulas inzadas, negocios de hostalería inviables e empresas do polígono loitando por manter unhas mínimas condicións de hixiene.
Dende o Partido Popular de Narón denuncian que, a pesar de todo isto, o máis insoportable non é o zumbido das moscas, senón “o silencio do Concello”.
No canto de actuar, os populares reclaman que o goberno local, encabezado por Marián Ferreiro, fai “o de sempre” e “o único que parece que saben facer ben: » botar balóns fóra”.
Nas últimas semanas, nunha reunión “informativa”, decidiuse que, “unha vez máis, o mellor era pedir máis informes á Xunta. Informes que xa foron solicitados outras veces e que foron respondidos, deixando claro que as competencias de control de pragas son municipais”, reclamou o portavoz popular, Germán Castrillón. “Non están contentos con non actuar, senón que ademais reparten culpas a torto e a dereito”, asegurou, “primeiro foron as explotacións gandeiras da contorna, a pesar de que os informes técnicos han deixado claro que cumpren estritamente coa normativa sanitaria e de xestión de residuos”. Cando esa coartada veu abaixo, “pasaron a responsabilizar á Xunta”. #Ante esta situación, en lugar de dar unha resposta coherente, o único que están a recibir os nosos veciños son caixas niño para paxaros e para morcegos , o que Castrillón cualificó como “inadmisible” xa que non pode ser que ante unha praga de moscas digna dunha película de terror a resposta sexa montar un belén de aves, confiando en que uns vencejos e un par de morcegos fagan o traballo que non fai a administración”.
As caixas foron instaladas con entusiasmo e foto incluída, pero ningún paxaro apareceu por alí.
Mentres tanto, o certo é que as persoas maiores, dependentes, bebés e nenos pequenos son os máis afectados por esta situación insoportable; as persoas maiores non poden saír aos seus xardíns; as aulas de centros de formación están repletas de moscas; na hostalería as moscas teñen reserva; e miles de familias non poden nin ventilar as súas casas sen recibir unha “caricia” alada ou varias picaduras.
Por iso, desde o Partido Popular de Narón esixen que “se deixe de xogar ao agocho institucional e asúmanse, dunha vez, as responsabilidades correspondentes. Non valen máis escusas”. “Hai que actuar canto antes para poñer solución ao que está a pasar. Débese revisar de forma inmediata a rede de sumidoiros nas zonas afectadas; desinfectar de forma urxente e continua; ser transparentes cos veciños e, sobre todo, dar menos caixas niños e máis solucións reais”, reclaman desde o grupo popular, que denuncia que “o que está a pasar non é normal, non é digno e non é tolerable. Mentres tanto, as únicas que non esperan papeis, nin informes, nin plenos… son as moscas”.