O grupo municipal do Partido Popular de Narón presentou unha moción para o seu debate e aprobación no pleno ordinario deste mes co obxectivo de instar o goberno local a actuar con urxencia no tramo da estrada situado no camiño de Cruz do Pouso, en Agaiba, na parroquia de Doso.
Este vial presenta un estado de conservación moi deficiente e o seu ancho é moi reducido, o que provoca que os vehículos teñan que ir moito cara ao bordo cada vez que se cruzan, o que provoca afundimentos e ocasiona, en numerosas ocasións, que os coches queden atrapados, sendo necesario o uso de guindastres para poder reincorporalos. A situación vese agravada coa chegada da choiva, xa que o terreo abrándase e amplíase a zona de risco, multiplicando as posibilidades de accidentes.
“A falta dunha intervención inmediata non só xera molestias aos veciños e usuarios, senón que constitúe un perigo real para a seguridade viaria e para a prevención de sinistros con consecuencias máis graves”, explicou o portavoz dos populares, Germán Castrillón.
Por este motivo, a moción presentada reclama que se proceda de maneira inmediata á sinalización provisional da zona afectada mediante bolardos ou elementos similares que advirtan aos condutores e condutoras para, así, reducir o risco de saírse fose e quedar atrapados.
De forma paralela, desde o Partido Popular reclaman que se encargue de maneira urxente a redacción dun proxecto técnico que contemple a reparación integral do camiño, incluíndo o saneamento do terreo, a canalización e drenaxe da auga e o recheo e compactación dos laterais da vía, garantindo así a súa estabilidade a longo prazo.
Castrillón subliñou que “é responsabilidade do goberno municipal garantir a seguridade dos veciños e usuarios das estradas locais, polo que esta actuación non se pode seguir atrsando”. O portavoz cualificó a reparación deste tramo como “imprescindible” para “evitar novos accidentes que poden chegar a ser graves”.
