Categoría: Noticias de Portada

O departamento de Formación Laboral de Narón e a asociación Teima Down Ferrolterra seguen co seu convenio de colaboración, que permite ofrecer prácticas laborais ós usuarios desta entidade. Dende a sinatura do acordo ata o día de hoxe pasaron polas dependencias municipais un total de tres persoas, e a partires do 9 de xuño incorpórase un novo traballador no marco deste convenio.

A beneficiaria é Marta Fernández Lage, que iniciará o seu percorrido laboral na 6ª pranta do Concello, no departamento de Urbanismo. Alí recibirá formación durante seis meses, a metade do tempo total establecido no convenio con Teima. Os outros seis meses discurrirán para Marta Fernández noutras dependencias municipais aínda por concretar. Para facilitarlle a súa labor profesional, contará co apoio dun preparador laboral durante o tempo que o precise.

A Concelleira de Formación Laboral de Narón, Paloma González Cuevas, explicou que o obxectivo desta colaboración entre o Concello e Teima é “lograr que unha vez que os usuarios rematen o período de formación laboral, poidan acceder a un emprego no futuro. As administracións públicas somos as que temos que dar exemplo con esta accións e apoiando a colectivos que poden ter máis dificultades, e nese camiño seguiremos”, declarou a edila.

Pola súa banda, a presidenta de Teima, Patricia Serantes, agradeceu ó Concello de Narón o seu apoio ó colectivo de persoas con síndrome de Down “porque é o primeiro concello da comarca de Ferrolterra que ten apostado por nós”, declarou.

Narón, 8 de Junio 2010